Unha festa. Un acontecemento. Unha marabilla. O sábado pasado, o mercado recuperou ese rebulir polo que tanto levamos agardando nestes meses. Foi grazas a Ecos do Sur e a súa feira de economía social, solidaria e sustentable, que congregou en San Agustín unha vintena de iniciativas de inserción laboral, alimentación, agricultura, cultura, artesanía, permacultura, artes escénicas, reciclaxe, cosmética natural ou arquitectura.
Houbo espazo para dar a coñecer todos os proxectos, houbo degustacións, música, danza, houbo vexetación exhuberante e mesmo houbo foliada, que se alongou ata a noite. Unha feira como ten que ser.
E alí onde hai leria, a Parva ten que estar, claro. Como? Pois como sabemos facer: con bocatas, petiscos doces e salgados, cafés e bebidas para as persoas participantes e para todas aquelas que se achegaron a dar unha volta por este escaparate, que xuntou algúns dos proxectos máis interesantes que se están a desenvolver ao noso redor. E foron moitas!
Deveciamos por ver así o noso mercado, ateigado desde a mañá ata a noite de actividade e de xente encantada de dar ambiente aos corredores desta arquitectura única. Así que, malia a quedar baldadas despois da xornada máis longa que temos enfrontado desde a nosa apertura, só podemos agradecer á xente de Ecos do Sur o traballazo e que teñan contado con nós e desexar novas iniciativas así de chulas canto antes.
Para quen non tivo oportunidade de pasar por San Agustín, deixámosvos a lista de entidades que participaron para que botedes un ollo ao que fan:
Distribucións A Moenda
…e nós, A Parva.
(As fotos desta entrada, por certo, saíron en La Opinión, e son de Carlos Pardellas.)