Que vos contamos / Artigos

Alporizadas

Publicado o .

Anoxadas. Avergoñadas. Tristísimas. Cheas de carraxe. Impotentes. Así andamos as dúas integrantes da Parva, como tanta outra xente, diante do que está a ocorrer en Gaza (e tamén en Cisxordania), que non é outra cousa que unha invasión e un xenocidio por parte do exército de Israel, e que se está a perpetrar, ademais, coa connivencia e o aplauso de boa parte de Europa. Que noxo e que horror!

Xa sabemos que pouco podemos facer nós, ademais de berrarlle á pantalla do teléfono fronte a segundo que informacións, participar nas concentracións que reclaman unha #PalestinaLibre e tomar boa nota das posicións, pero é que nos leva o demo con tanto cinismo e tanta posverdade. E como algo queremos achegar, aínda que sexa simbólico, e o que sabemos (máis ou menos) é cociñar, pois…

O que se nos ocorreu, a ver que vos parece, foi buscar unha receita palestina e preparala toda esta fin de semana, aproveitando que sábado e domingo hai no mercado de San Agustín a feira Rebel Wine Fest. A recadación completa entregarémola ás asociacións BDS Galiza e Jenin (grazas a Dani e Patri por nos poñeren sobre a pista). Aínda que sabemos que non é moito, non somos quen de quedar de brazos cruzados.

Buscando sobre gastronomía palestina atopamos o proxecto Palestine Hosting Society, obra da cociñeira e artista nada en Xerusalén Mirna Bamieh, que traballa para recuperar receitas en perigo de extinción do seu pobo (hoxe, tamén en grave risco de desaparición). E dixémonos: puidendo facer un hummus, que xa temos medianamente dominado, por que non lanzarnos a estragar unha receita ancestral? Agárrame o cubata!

O que poderedes degustar este sábado e domingo na nosa cantina chámase Rummaniyeh, un prato tradicional elaborado a base de lentellas, berenxena, milgranda e especias que faremos con toda a nosa boa vontade para, co que recademos, dar un pequeno sustento a aquelas dúas asociacións, que tratan de levar a Gaza axuda humanitaria para facer fronte ao desastre que alí se está a acometer.

A receita, e mais a nosa decisión de non mercar máis produtos procedentes de Israel (segurísimo que lles facemos un sete na economía XD) e buscar alternativas palestinas, non fará que esteamos menos alporizadas pero, polo menos, sérvenos para deixar claro que #NonNoNosoNome.