Que vos contamos / Receitas

Bocata de queixo e tomate seco: unha historia siciliana

Foi aló polo 2014, cando aínda se podía viaxar. Podíanse facer tantísimas cousas con despreocupación… Ou talvez non, pero a memoria xa se sabe. A cousa é que alí nos plantamos as tres colegas que adoitabamos viaxar cada verán –cada outubro, máis ben, quen é cando nos daban libre no xornal–, en Palermo, esa cidade que pensabamos italiana e que descubrimos tunisiana e marroquí. Sicilia pura, esa que declaraba o seu “odio eterno per stato e governo” no muro dunha das rúas máis céntricas da capital. 

Non tiñamos moitos días así que collimos o coche e nos propuxemos arrodear a illa, guiadas por dúas premisas: que o tráfico é un caos e que non existe lugar ningún onde se coman bocadillos tan memorables. Ben, e que debe de ser o único lugar onde lamben o xeado metido nun bolo brioche. Fantasía. 

Non tardamos en confirmar cada unha das afirmacións. A dos bocatas, que é a que aquí nos interesa, foi ao chegar a Savoca, unha vila mínima, coñecida por pintoresca e por terse rodado nela varias escenas de Il Padrino 1. Daquel bocadillo só recordo que o collimos nunha tenda tipo ultramarinos onde o baño era o da familia que a rexentaba, que estaba na última casa do último curuto e que picaba como o inferno pola manía de probar todo canto peperoncino nos ofrecen. E que era delicioso. 

Seguimos a ruta do pan con cousas pola illa, todos brutais, pero ningún como o que probaríamos nun tenderete do mercado de Ortigia, onde o xerente os preparaba á vista do público, sabedor de que aquilo era pura maxia: cun golpe de coitelo quitáballe o óso ás olivas que despois metía no pan, con aceite, distintas herbas que tamén picaba no momento, uns tomates secos pequeniños que non volvín ver fóra de Italia, queixo curado ou o fiambre que cadaquén elixise. 

Todo este conto vén a explicar a composición deste bocadillo, que facemos tentando recuperar o flipe que foi aquel primeiro bocado. A receita non ten misterio ningún.

Ingredientes

  • Pan non demasiado recio
  • Olivas picadas, para que sexan máis fáciles de estender
  • Tomate seco en aceite.
  • Queixo pecorino ou parmesano.
  • Herbas ao gusto. Nós propoñemos menta freca ou seca, ourego seco e, se queremos, rúcula.

Pasos

Punto único. Monta o bocadillo como che pete. Que che prestan os tomates secos? Cárgao ben. Que queres as olivas enteiras? Dálle. Que che gusta o allo? Mestúrao coa picada de olivas, por exemplo, aínda que non é preciso, porque, de sabor, o bocata vai sobrado. Que non queres lácteos? Cámbialos por unhas noces.

Extra: Se, no canto de comelo segundo o fas, daslle tempo de empapar un pouco a miga… agradeceralo, verás.

Extra x 2: Se, na vez de montar bocatas, fas pinchos cunha fatia de pan, tes un aperitivo ben resultón. Podes montalos comezando polo tomate e as herbas, e coa oliva enriba de todo, atravesado cun pauciño.

Nós pensamos en poñerlle Novara a este bocata porque esa é a vila onde paramos –xa de volta a Palermo, superado o Etna (de lonxe) e enfilando a fin da ruta– para coller varios queixos sicilianos incribles que nos traer de volta, cos que estenderíamos por unhas semanas máis a viaxe, xa na casa.