Que vos contamos / Artigos

Cambios, cambios

Barbadillo, Ángela e Antía, a nosa nova fichaxe

Publicado o .

Como pode ser que antonte fose 2023 e hoxe esteamos xa case entrando en marzo? Ocórresenos que nos aconteceron tantas cousas, e tantas máis que nos van acontecer, que se nos foi pasando o tempo case sen nos decatar. Os proxectos do ano que entra, as visitas tróspidas en campaña (Mariano, ti sabes quen es), as ruidosísimas obras de embaixo, no soto do mercado, e, por fin, as dos postos do exterior da praza, que devecemos por que abran canto antes… E varias novidades que nos tocan aínda máis de preto. Ca-ca-ca-ca-cambios, que diría David Bowie! Imos cronoloxicamente…

O ano chegou cun pan debaixo do brazo, así que a primeira (boa) nova é un bocata, ao que bautizamos “satay” porque, como os espetos orientais con ese nome, ten tamén crema de cacahuete nos ingredientes (e porque non se nos ocorría nada mellor). Polo, xa volo adiantamos, non leva. O que si leva é zume de lima, cebola vermella, follas de menta e liscos de nabo crú. Si, si, nabo crú, como soa. Para saber como sabe teredes que vir probalo, que está xa na nosa carta habitual.

A segunda novidade caeu esta semana en forma de incorporación: a nosa colega Antía únese á Parva para reforzar o proxecto e substituír por uns meses a Ángela, que ten “proxectos” máis importantes que atender (guiño, guiño). Algunhas das habituais xa a coñeceríades de vela polo mercado e, desde xa, estará na nosa cantina todos os sábados e festas de gardar (e algún día máis pola semana) para axuntar forzas e seguir mantendo as parvas do mundo unidas! Polo de pronto, no seu primeiro día xa incorporou unha receita de sobremesa ao noso catálogo (proximamente nos vosos menús) e a súa sabedoría hostaleira ás nosas rutinas, así que a cousa promete.

Veña, máis novidades: horarios. Como xa sabedes, desde principios de ano estamos pechando os luns por descanso, e así imos seguir polo de agora (isto, estritamente, non sería unha novidade)… Pero ademais, abriremos todos os días, de martes a sábados, ás 9.30h ata novo aviso.

MERCADO DAS NUBES

Ademais, nestas semanas, por cousas da multitarea e o pluriemprego, teremos que pechar varios días para atender outras frontes laborais. Apuntade, este mércores e xoves, 28 e 29 de febreiro, A Parva permanecerá pechada, e o mesmo o martes e xoves da semana que vén (5 e 7 de marzo), por incompatibilidade horaria con outros ‘quereseres’. E esa finde xa enganchamos co Mercado das Nubes, así que abriremos venres, sábado e domingo (do 8 ao 10 de marzo) en horario continuo de mañá e de tarde, para compensar…

Antes, aproveitaremos esas xornadas de peche para actualizar un pouco a carta e, si, tamén os prezos, que xa tocaba. “Changes”, si, pero que ninguén se alarme; só o xusto para adaptalos ao custo do aceite, do queixo e da vida en xeral (a tanto non imos chegar).

Ata aquí, con susto final, a nosa primeira actualización do ano. Non cambiedes de canal, que seguiremos informando!