Cando, hai uns poucos meses, lle contamos á avoa Maruja –fiel clienta da Parva cada venres á mañá– que andabamos moi atarefadas porque tiñamos un cátering, a súa resposta foi inmediata. “Un cátering? Un cátering Hepburn”. E tan pancha.
Pois si, señoras, desde hai xa un tempiño, na nosa cantina preparamos cátering hepburns para quen queira celebrar un petisco un pouco diferente, sinxelo e de mercado e quedar como unha estrela de Hollywood sen mover un coitelo.
Antes de seguir, avisamos: non esperedes de nós unha sinfonía de vol-au-vents recheos de boletus e croquetas de cecina. As nosas propostas parécense máis á nosa carta habitual, aínda que adaptadas para que poidan compartirse de pé, en eventos informais e, a poder ser, festivos. E tampouco somos quen de cociñar para rexementos (aínda que xa demos feito para case medio cento sen colapsar).
Versións ‘mini’ dos nosos bocatas vexetarianos e veganos habituais combinan con untables e cremas de verduras e legumes, champis recheos de pesto, gildas vexetais e de froita, biscoitos veganos e algunha fantasía que imos incorporando pouco a pouco, como as patacas con mollos ou os tacos de chicharróns (ou soia) con giardiniera rossa, un invento piamontés que descubrimos grazas a Pannepanna e que, sen ter probado o orixinal, a nós sábenos un pouco como o porco chinés agridoce, pero en versión coliflor, cenoria, apio, pemento e xudía verde. Un flipe.
Do noso mercado e arredores
E como somos da xeración á que nos aprenderon aquilo de “soa non podes, con amigas, si”, cando o noso repertorio se esgota, tiramos de compañeiras. Non é que sexa unha sorpresa. Moitos bocatas e pinchos temos feito desde que abrimos cos mexillóns en escabeche que vende aquí en San Agustín Ángeles Rumbo, e os queixos dos nosos sándwiches non son doutros que non sexan de Fina e Marián ou de Mari.
A novidade é que para os pedidos que así o queiran, encargámonos de atopar, aquelar e ofrecer produtos marabillosos da nosa praza, como táboas de queixos galegos, embutidos de Rous Gourmet (como acaba de incorporarse igual aínda non coñecedes os seus produtazos, pero estades tardando) ou algún dos moitos doces que teñen en Del saco a la mesa. Que un petisco non pode non levar empanada? Pois encargámoslla a Sonia, que as trae de ben perto, ao tempo que as súas provedoras nos serven o pan. Unha tortilla? Poucas tan boas como as que fan aquí ao lado, no Pontejos.
Así que xa sabedes, se queredes brillar nas vosas festas como a Preysler en mellor hora, non tedes máis que avisarnos con algo de tempiño e dicirnos o que precisades, cando e onde. A Parva faino por vós.