Que vos contamos / Artigos

Como non ía contar San Agustín?

Publicado o .

Son clienta de San Agustín porque vivo no barrio e quero que siga vivo o comercio local da zona na que vivo.

Son clienta de San Agustín porque a calidade do produto fresco é superior á de calquera outro sitio e o prezo é axustado.

Son clienta de San Agustín porque coñezco a orixe do que merco e sei que vén de preto, que non viaxa miles de quilómetros, contaminando polo camiño.

Son clienta de San Agustín porque as praceiras me asesoran na compra e así levo o que está de tempada e, polo tanto, mellor de prezo.

Son clienta de San Agustín porque xa o foron a miña nai e a miña avoa, que viñan a mercar e é unha tradición que non esmorece.

Son clienta de San Agustín porque é un dos edificios máis valiosos da miña cidade e pido que siga tendo actividade no seu interior.

Son clienta de San Agustín porque San Agustín conta.

‘San Agustín conta’ é a nosa proposta deste ano para o festival de fotografía Ffoco. Se o ano pasado, na nosa primeira intervención, colocamos no noso obxectivo as praceiras, neste quixemos enfocar ás clientas, as que fan que abramos día a día o enreixado para atender as súas peticións. Non só captamos en imaxes o posto no que confían e no que mercan, senón que lles preguntamos pola súa vinculación co mercado para facer unha reflexión sobre o consumo, a alimentación, o comercio local, os binomios rural-cidade e cidade-barrio e pensar, tamén, sobre as decisión persoais e colectivas que tomamos.

Despois de doce conversas o que atopamos foi que as clientas do mercado de San Agustín teñen moitos motivos para confiar na praza de abastos e rexeitar as grandes superficies comerciais. E tamén descubrimos que están todas de acordo en que os hábitos de consumo mudaron e que queda pouco público fiel no mercado máis valioso, arquitectonicamente falando, da cidade. Para poder reverter esta situación de baleiro na praza de abastos, claman por que o Concello actúe canto antes e volva dar vida ao edificio.

As creadoras de contidos audiovisuais Cristina Caamaño e Andrea Gestal foron as responsables da parte técnica, tanto fotográfica como videográfica. Embarcáronse con nós nesta aventura sen marcar condicións, todo o contrario, poñendo todo da súa parte.

O resultado? Xulgade pos vós mesmas. Dende o sábado pasado, día 5 de novembro, e ata final de ano podedes ver as imaxes, os textos e os vídeos da exposición nas paredes da nosa terraza.

Grazas a todas as clientas que vos prestastes!

Grazas, Cris e Andrea, e grazas, Ffoco.