Que vos contamos / Artigos

Conto de Nadal

Publicado o .

Érase unha vez unha casa na que a nai (e/ou avoa) se encargaba de facer as ceas e comidas de Nadal. Planificaba o menú a gusto de todas as persoas convidadas á mesa semanas antes; mercaba todos os ingredientes necesarios comparando prezos, calidades e tamaños; cociñaba durante horas; poñía a mesa e despois do festín, cargaba o lavalouzas e gardaba a vaixela das celebracións.

Sóache? Pois este conto de Nadal pode ser distinto este ano e, como décadas de experiencia non se poden suplir indo a un supermercado e pillando nas estanterías o primeiro que vemos, A Parva axúdache a preparar unha cea de Noiteboa ou Fin de Ano ou unha comida de Nadal ou Reis sen saír do mercado de San Agustín.

Antes de poñérdesvos coa comida, pensade na mesa e no comedor e vinde ver a Marina, de Votanikals, e a Olaia, de Flores Agustinas, para decorar con plantas e flores repreciosas a vosa casa. Que non se come igual se temos unha flor de Pascua  ao carón ou un ramo de visgo sobre a cabeza!

Estaremos dacordo en que, aínda que o resto de ano comamos prato único, no Nadal hai que facer a comida por etapas, así que comezamos polos entrantes. Rous, de Rous Gourmet, fai bandexas de embutidos adaptadas a prezos e gustos e Mari e Andrea, en La Quesería, fan o propio cos queixos. E tamén podedes apostar por unha empanada de Casa Pardo ou ir por unhas conservas top a Milatabonita.

Como primeiro prato, sendo galegas, seguro que cae algo de marisco e no mercado podemos optar por visitar a Adrián, de Ángeles Rumbo, especialista en cunchas, ou aproveitar para comprar tamén o peixe en Dory, Yolanda, Mari, Silvia ou Cristina. Xa sabedes, mirade o ollo ben branco e, sobre todo, preguntade!! As praceiras saben de peixes tanto ou máis que o Rogelio Santos Queiruga! 

Para o segundo prato, no mercado temos ben de carnicerías para elixir un solombo de porco, un xarrete de tenreira ou unhas costeletas de año con Moncho, Pili, Coro ou Dori. Tamén hai a quen lle gusta o polo de curral; nese caso, ide ver a Luisa.

Os pratos hai que alixeiralos un pouco así que Nieves, Madeleine e Maruja teñen todo tipo de verduras e vexetais para poder acompañar o peixe e a carne. E xa que ides, non vos esquezades de reservar as uvas para o 31!

Na mesa de Nadal tampouco pode faltar o pan. Sandy e Sonia teñen de todo tamaño e tipo de fariña que vos imaxinedes.

E chegan as sobremesas. Porque chegar, chegounos, pero un doce ao rematar a cea sempre se tomou. Para elixir os mellores turróns ou polvoróns, eses que levan azucre, pero, sobre todo, froitos secos, ide ver a Menchu en Del Saco a la Mesa

Non fai nin falla dicilo, pero se sodes vexetarianas ou veganas ou se alguén da familia elixiu esta opción de vida, aquí estamos nós e a Cuchara Veggie para que nos encarguedes o que precises para esas paoarotas. Será por opcións ben saborosas sen animais implicados!

Temos ben preparada a mesa e o comedor, o xantar no lume e falta poñerse ben guapas para recibir as visitas! Jenny ou Segunda Vida teñen roupa molona e se os zapatos de inverno aínda non están a punto, José Antonio, o zapateiro, fai maxia con eles. E, xa que estamos, tamén podemos aproveitar o paseo ata San Agustín para comprar agasallos: en Milicia Gráfica vos poden botar unha man con cousas orixinais e a poucos metros tamén están Pazio, Varastón, D-Raíz ou Austrohungara Sombrerería para mercar regalos chulos e de proximidade.

En San Agustín non falta de nada! Deixemos este ano a compra online ou en grandes superficies, aínda que sexa só por Nadal, e visitade o noso mercado ou calquera outra tenda de barrio! Ese é o noso desexo deste ano…

Ah! E desta vez, igual, podedes encargarvos da compra, ou de poñer a mesa, ou de quitala, ou do asado… que a cea non se fai soa por moi ben que cociñen a nosa nai ou avoa…