Que vos contamos / Artigos

Contra as présas

Publicado o .

Ás veces precisamos un empurrón para facer o que queremos facer. No noso caso, ese impulso chegounos hai unha semana da man do novo mercado ecolóxico e proximidade que o mercado de San Agustín acolle cada xoves, desde primeira hora da mañá e ata as 20 horas, no primeiro andar. Andabamos a darlle voltas coas produtoras e participantes en novas actividades que aproveiten este espazo incomparable e propuxéronnolo: por que non facer un “brunch da horta” cos produtos frescos que traen das súas eiras cada semana,  nunha contorna única como a de San Agustín?

O noso si foi inmediato porque, de feito, levabamos xa varias semanas argallando un menú que permitise xantar sen présas no mercado nas mañás de fin de semana, que aproveitase as froitas e verduras que temos máis a man, que fose vegano e que cubrise as expectativas máis larpeiras e tamén as de quen prefire sempre salgado. 

Desta unión de forzas xorden os Almorzos devagar no mercado, que cada xoves de 11.30 a 16h e cada sábado de 11.30 a 15h ofreceremos durante o verán, tanto na nosa terraza como na zona do ecolóxico. O menú (a 15 euros os xoves e 17,50 os sábados, baixo reserva) dependerá do que traian da horta as nosas colaboradoras pero, para que vos fagades unha idea, contámosvos o desta semana: crema fría de melón, aguacate e alfábega, torta Morte por chocolate (ou granola con iogur e froita), sandwich de ensalada de ovo (sen ovo) e ensalada de remolacha e froitos vermellos. Todo acompañado de torradiñas, bebida quente (ou con xeo, estes días 😅), auga de froitas e, os xoves, unha copa de viño espumoso, froito da colaboración coas nosas amigas de El Vino del Mes. E os sábados, co almorzo levades un ramo precioso confeccionado pola nosa compañeira Mar, de Burek Floristería, aquí ao noso carón na praza. 

Se a cousa funcionou nesta primeira semana foi grazas á xente de Seitura, Os Biosbardos, Granxas de Lousada, Horteamus, A Horta de Táboas e os seus produtos fresquísimos, ás colaboradoras para o viño e as flores e a quen vos atrevestes a probalo. (Non hai medo!) Ah! e a Fran, de Bokêh, que sempre saca guapísimos os nosos pratos (e a nós). 

A semana que vén renovaremos o menú pero manteremos a premisa de buscar opcións veganas, apetitosas e de proximidade. Reservade para probalas!