Quen nos ía dicir a nós, señoras “de letras” incapaces de facer con soltura unha regra de tres, que acabaríamos implicadas no Día da Ciencia na Rúa, esa actividade que cada ano congrega no parque de Santa Margarita o alumnado de ducias de centros de ensino para amosar os seus experimentos e demostrar empíricamente que poden escapar a Newton cun vaso de auga e unha culler de maicena. Por exemplo.
Pero así son as cousas na Parva. Así que cando xurdiu a oportunidade de participar, alí nos metimos. Como? Como sabemos facer: preparando bocatas para a rapazada que fuxisen un pouco do chopped e o chourizo plastificado en pan conxelado, e incluíndo ingredientes de proximidade.
A consigna dos Museos Científicos Coruñeses foi, de feito, conseguir un menú un pouco máis sustentable que en edicións anteriores, tanto no contido como no continente. Papel reciclable no canto de aluminio ou film para os envoltorios e unha proposta saudable e, ao tempo, asumible para un público de idades entre os 12 e os 16, cunha opción vegana e outra con carne branca, ademais de froita e algún petisco doce; todo un desafío, e máis coas mil cautelas sobre os gustos culinarios (polo/pizza) da adolescencia.
O máis sinxelo, curiosamente, resultou elixir a proposta sen proteína animal: un bocadillo de champiñóns laminados con salsa de tomate caseira e unha tapenade negra con froitos secos e albahaca. Máis “guerra” nos deu convencer ao xurado de que un bocadillo de pavo mellora se lle engades allo porro cru ben picado. Aí un pouco arriscamos, hai que recoñecelo, así que toca agradecer a confianza que nos deron ante a posibilidade de que para a chavalada “verde” significase “incomestible”. Non foi así, polo que sabemos, e conseguimos desbloquear o toque vexetal como engádega orixinal a un bocata dos de toda a vida.
E nada, despois de facer unha compra insólita ás nosas praceiras de confianza (máis de 500 mazás e outros tantos pans, 150 champis ou 12 quilos e medio de queixo) puxémonos, o pasado sábado, mans á obra. Hai que dicir que nunca madrugaramos tanto para preparar un evento, pero fixémolo con gusto. Segundo abriu o mercado, alí estabamos nós, nunha cadea de montaxe que improvisamos na terraza para aquelar preto de 500 bolsas de almorzo completas nunha mañá. (Spoiler: démolas feito, pero xustiñas e, polo que sabemos, houbo a quen lle soubo ben, malia o verdurismo)
Despois diso, xa podemos dicir que a nosa eficacia está científicamente probada XD… Ou, polo menos, as nosas ganas de levar o mercado de San Agustín tan lonxe como nos deixen.
Cal será o seguinte reto?