Que vos contamos / Artigos

Feiras e máis feiras

O stand da Parva no Boucatise 2021

Publicado o .

Novo reto desbloqueado! Como cantineiras novatas, estas parvas sometémonos hai uns días a unha verdadeira proba de esforzo coa nosa estrea no Boucatise, o festival do bocata “gourmet” que cada ano por estas datas enche o mercado de San Agustín de propostas gastronómicas irresistibles metidas nun pan. 

E que faciamos nós, preguntarédesvos, coándonos entre algúns dos nomes máis afamados da hostalaría local? Pois o que facemos todos os días, Pinky: tratar de conquistar o mundo… ou polo menos representar o mellor que sabemos a nosa praza, como autoproclamadas embaixadoras de San Agustín nesta feira. 

Para conseguilo, optamos por unha opción vegana, un rosco de centeo con pesto de cítricos, cabaciña, olivas e follas verdes, e unha que nos pareceu moi propia para a hora do vermú, un bocata de mexillóns da nosa compañeira Ángeles Rumbo con patacas fritidas, piparras e salsa aperitivo… Centos deles saíron nos dous días que durou o festival.

Non sabemos como tería acabado a cousa sen o apoio das nosas colegas e colaboradoras; o caso é que coa súa axuda, todo foi adiante sen morrer no intento.

Visto o visto… non podiamos quedar sen nos meter no seguinte fregado, así que nos apuntamos tamén ás xornadas gastronómicas Territorio Atlántico, que ata o domingo vindeiro ofrecen experiencias culinarias cos mellores produtos da Reserva da Biosfera das mariñas coruñesas e terras do Mandeo.

Que iso significa compartir cartel con algúns dos mellores e máis prestixiosos locais da Coruña? Que a nosa humilde crema de cebola de Betanzos da Horta de Porta con queixo “compite” con creacións superelaboradas e marabillosamente presentadas? Quen dixo síndrome das impostoras?

Nas nubes

Para que o ritmo non pare, non, esta próxima finde (17, 18 e 19 de decembro) temos tamén en San Agustín o Mercado das Nubes edición Nadal: tres xornadas completas con música, arte, roupa, deseño e moitas outras propostas de proximidade, nas que a nosa cantina permanecerá aberta en horario continuado desde primeira hora ata as 21h o venres e o sábado (e ata as 18 o domingo). Ou pensabades que íamos descansar? Xa estamos dándolle voltas á cabeza para ofrecervos petiscos á altura do evento. Os nosos callos veganos dos sábados estarán no menú, si ou si.

As cabeciñas non paran! Así que, se sobrevivimos a este decembro revolucionado, prometemos que en xaneiro seguiremos maquinando para que a Parva nos dea tantas alegrías como ata hoxe. Seguimos!