
Xente! Que agora tamén estamos nas ondas! Queremos compartir con vós o primeiro episodio de #Fresquísimo, un podcast que estamos a gravar, da man do Concello da Coruña, para dar a coñecer ao mundo os mercados municipais da cidade, que ben o merecen.
A nosa primeira parada lévanos a #MonteAlto. Coincidindo coa mudanza ao mercado provisional da praza de Indalecio Prieto para a remodelación do edificio habitual, achegámonos a coñecer os seus postos, entre eles a Panadería Conchi, que leva Sonia, para charlar un anaco con ela e con Pili, unha das súas clientas habituais.
Con elas falamos do pasado e do presente da praza de Monte Alto e tamén dos seus produtos, como a #EmpanadaViaxeira, que elabora Pablo Pizarro, e que Sonia vende desde hai xa un ano no seu despacho. O propio cociñeiro contounos como as prepara e cales son as máis demandadas desde o seu obradoiro da Agra.
Ademais, Sonia e Pili, como veteranas que son deste mercado, recordáronnos como foi a inauguración do primeiro edificio, en 1986, entre vítores, caraveis e gaitas. Todo bastante ‘vintage’, ou que?
Antes de marchar, aínda nos deu tempo de tomar un café na cantina con Diana Cabanas, concelleira de Mercados, e preguntarlle polo futuro das prazas de abastos da cidade.
Ademais, neste primeiro episodio inauguramos ademais colaboración coa arquitecta Nuria Prieto, que nos axudará a coñecer mellor a relación dos nosos mercados cos seus barrios. E tamén iniciamos conversa coa dietista nutricionista Emma Enríquez, que nos irá contando cousas interesantes sobre alimentación saudable e de mercado.
E gardamos un anaco para meter as mans na masa e copiarlles un par de receitas de #empanada a dona Emilia Pardo Bazán e Fina Casalderrey, despois de “inspirarnos” nos fíos do cronista gastronómico Jorge Guitián sobre a riqueza da empanada na fala.
Así que xa sabedes, se non queredes perder nada do que se coce nos mercados coruñeses, estade atentas ás nosas redes, ou preguntade á vosa praceira de confianza. Pronto, outro capítulo de #Fresquísimo (tamén en Ivoox).
E recordade: #MercaNoTeuBarrio!
