Que vos contamos / Artigos

Rematamos a aventura radiofónica… por agora!

Publicado o .

O noso podcast #Fresquísimo chegou á súa fin… polo menos polo de agora! Sete programas que, como todo que se fai por primeira vez, custou sacar pero que (cremos) ben valeron a pena! Percorremos os mercados municipais (excepto o de Santa Lucía, aínda pechado, e o de Palavea, no que só sobrevive un posto), descubrimos e contámosvos unha parte (ínfima) de todas as historias que sobrevoan a diario as prazas de abastos da cidade. 

Produtos ‘fresquísimos’, sagas familiares, clientas fieis, receitas pasadas e presentes, trucos para comer mellor, urbanismo para andar por casa e dúas presentadoras novatas tentando transmitir o vivido en moitas horas de visitas, conversas e confesións.

Se perdestes algún episodio ou se non aínda non nos escoitaches, animádevos agora que chega o verán… Escoitar falar de fresas, ameixas, bolos de pan ou requeixo entra mellor na praia ou á fresca da horta… xa veredes!

Aquí podedes elixir o mercado que queredes coñecer ou ir pola orde na que fomos gravando, aínda que isto non é como unha serie da tele, non hai trama que seguir! Elixe a túa propia aventura!

Este podcast, que fixemos da man do Concello da Coruña, ten moitísimas protagonistas e a todas queremos darlles as grazas. Demos moito a turra porque, aínda que cando acabedes de escoitar os capítulos veredes que cousas interesantes teñen todas que contar, elas non se dan moita importancia, e custa facelas falar… e non vos dicimos nada de sacar unha foto para Twitter! Así que  agora toca agradecerlles a paciencia: ás proveedoras, ás praceiras, ás clientas, ás colaboradoras fixas (Emma, nutricionista, e Nuria, arquitecta) e as que participaron de xeito puntual.

Despois de seis capítulos, no derradeiro xa non tardamos dúas horas en rematar a gravación, nin en ter que repetir seis ou sete veces o memo parágrafo; xa non houbo cabreos personais por sermos incapaces de ler o papel e o técnico riuse menos de nós, así que estamos pensando en argallar unha nova aventura radiofónica parvesca… Que vos parece? Xa sabedes que caladas non imos quedar…. 😉

Á marxe da nosa intención de seguir atormentándovos desde as ondas, recordade, polo ben do medio ambiente, da saúde e da comunidade: #MercaNoTeuBarrio!