Que vos contamos / Artigos

Un outono de cor de rosa

Publicado o .

Un chiscar os ollos e… BUM! Estamos en setembro, recuperamos a Ángela detrás da barra e enfilamos unha nova tempada no mercado de San Agustín, despois de demasiados meses de obras e peches, e aperturas que non chegan e turistas que non saúdan. Peeeeeero tamén de visitas estivais moi queridas, de novas veciñas praceiras moi esperadas, de novos membros moi pequechos na familia parva e, como non! de novos bocatas no horizonte. 

Arranca o curso, brilla o sol e estas dúas señoras encaramos unha tempada que, dicimos nós, pinta un pouco de cor de rosa, e non obviamente porque sexamos unhas flipadas, nin porque queiramos caer na romantización do traballo nin en estereotipos de xénero senón porque, literalmente, esa é a cor da nosa nova proposta culinaria.

Rosa, si. Non o credes? Xa… Pois non tedes máis que vir este domingo, de 10h a 15h, ao Campo da Leña, onde retomamos a nosa presenza no Mercado Ecolóxico e de Proximidade cun petisco entrepáns que tivemos en probas nos últimos meses e que agora formalizamos: o Mortadelo.

Xa adiviñades de que vai a cousa?

Quen nos coñeza un pouco sospeitará de que o noso novo bocadillo poida estar recheo desa chacina típica de Bologna, por máis namoradas que esteamos desa cidade e de todo o resto de Italia. E terá razón.

Mortadela? Si. De carne? Pois non. Que necesidade!

Nestes meses de silencio tivemos tempo para experimentar con variedades vexetais deste embutido ata dar coa receita que máis nos convenceu e adaptala para facela nosa: unha falsa mortadela con base de anacardos, coloreada polo zume de remolacha e aderezada cunha chea de especias e olivas verdes para asemellala á que todas tedes na cabeza. 

E, sorpresa! Dá o pego máis do que unha imaxinaría. Palabrita. 

Pero, como non vos temos por unha audiencia crédula, invitámosvos a verificar o que dicimos metendo un chante a este novo bocata, que vai cun mollo cremoso de alfábega, para darlle algo de verdor ao asunto. 

Non podemos asegurar que o resto dos produtos que levemos ao Campo da Leña cheguen ao cuquismo deste invento, pero faremos o que poidamos. Vémonos o domingo, mortadelas?