A Parva abriu o 21 de abril de 2021, en plena pandemia. Dúas xornalistas sen experiencia previa en hostalería nin venta ao público abrían a única cantina do mercado de San Agustín, minguado en número de postos abertos e clientes. Parecía arriscado e segue a selo.
En 365 días xa sabemos facer café con espuma crema (non todas as veces, pero case), montamos bocadillos á velocidade dun raio e cambiamos barrís de cervexa sen despeitearnos. A máquina de cociñar (non imos desvelar marcas) é a nosa mellor amiga e a fritideira de aire comeza a ser da familia. A clientela carnívora gusta dos callos veganos e as bolachas desaparecen cada vez que se pousan na nosa barra.
En doce meses, a xente que vén a vernos, a que repite unha vez e outra, é comprensiva coa nosa inexperiencia, deixa boas propinas, proba todas as invencións da chef e é lareta coma nós, así que estamos ben satisfeitas da comunidade que estamos a crear. As proveedoras, do mercado e de fóra, axúdannos a aprender de prezos, colleitas e amasadoras e as compañeiras xa nos asumen como parte do grupo. As tolas, as parviñas, pero xa unhas delas.
En 52 semanas, a pandemia tivo picos e vales e as máscaras estiveron presentes (ata onte!), a luz multiplicou a nosa factura e moitas coruñesas e veciñas segue sen saber que existimos dentro dun dos edificios más bonitos da cidade. Por si fosen poucos condicionantes, empezou unha guerra en Europa e a inflación chegou a cifras que no se vían dende hai décadas. Para compensar, organizamos dúas exposicións de fotos e dúas catas de viño, presentamos libros, discos, fixemos concertos e montamos aniversarios. Celebramos todo o que se puido celebrar.
Un ano xa. Aprendemos moito, pero aínda temos moito que perfeccionar. Din as expertas en números e estatísticas (iso do que nós non sabemos moito ou nada) que non é momento de facer balance económico, que hai que darlle tempo ao negocio e máis aínda nesta situación. Parécenos ben. Pasamos páxina, coa ilusión renovada e con máis coñecemento no peto.
De aquí nun ano! Ata o 21 de abril de 2023!