A receita das sopas de “forza” que Picadillo, o alcalde gastrónomo da Coruña, recolleu na súa obra de máis sona non leva ingrediente cárnico ningún. Malia iso, na entrada dedicada a este prato de “La Cocina Práctica”, o autor marcou como condición para cociñalo ter afección pola caza. E non só iso. Para seguir a fórmula na súa literalidade, habería que “estar nun monte no que non haxa máis que unha modesta cabana, ter forza de vontade suficiente para meterse nela, ser as catro da tarde e non ter probado alimento desde o día antes e estar calado de auga desde a cabeza ata os pés”. Pouca broma.
Pero aquí, na Parva, como sabedes, non somos moi de seguir a literalidade, así que para preparar estas sopas de allo algo extravagantes nin imos cazar coello nin cumprir coa directriz de machucar, como dicta Picadillo, os dentes de allo coa culata da nosa escopeta ou remexer co canón.
Polo demais, o prato co que, desde este venres, día 24, e ata o sábado 2 de decembro, participamos na sección tradicional do concurso de tapas Picadillo segue escrupulosamente (máis ou menos) as directrices do autor: auga con graxa e sal (e, no noso caso, garavanzos), allo esmagado e pemento picante, ademais do ingrediente que o distingue doutros caldos similares: o pan de broa esfarelado. Algo sabía disto o señor Puga y Parga, que non por nada ten un certame con case vinte anos de historia…
A nosa segunda proposta, tamén vegana, non a sacamos do receitario de Picadillo, senón que está inspirada na gastronomía catalá, pero pasada polo noso filtro: copiar sen pudor, esquecer algún ingrediente, cambiar outros dous, desprezar os minutos e as medidas (que atraso) e inventar un pouco, a ver que sae. Todo aquilo de non ser moi literais, metido nun bocata. Un bocata de fricandó, pero sen tenreira nin porco nin polo, senón con liscos de seitán da nosa propia granxa, é dicir, feito por nós.
O resto, xa o podedes imaxinar: cogomelos, verduriñas e un mollo escuro cun punto que non imos desvelar. Teredes que vir probalo (ou buscar calquera receita en google). E, xa que estades aquí, na praza de San Agustín, aproveitar para facer a ruta polos locais do redor, que non son poucos, e outro día polos dalgún outro barrio. Que o Picadillo é todos os anos un planazo que nos leva de ruta pola cidade, e non vaia a ser que alguén pense que pode suprimilo sen que ninguén se decate…
O grande alcalde nunca o aprobaría.