Parece que foi onte cando abrimos a nosa cantina… e xa vai para tres meses! Xa ía sendo hora de abrir algunha xanela desde a que contarvos o que pasa polo mercado de San Agustín, a nosa casa, e compartir algunhas das ideas ás que estamos dando voltas ou as receitas que queremos prepararvos. E algunhas que xa vos estamos a preparar! Porque se mirades nas entradas anteriores poderedes atopar a nosa fórmula máxica para o untable de garavanzos, do pesto vermello que empregamos no triángulo vegano ao que chamamos Choupín ou do noso bocata Novara, o que máis pedides cando nos visitades.
Pero igual nos estamos adiantando e comezamos a falar sen sequera térmonos presentado. Que tal? Somos Ángela e Alba, levamos desde o 22 de abril como praceiras novatas á fronte da Parva e estamos encantadas de ter dado este salto ao baleiro. Se queres saber máis aquí tedes un pouco máis de información, aínda que o mellor que podedes facer é vir ao mercado, aínda que só sexa para dar unha volta, flipar co edificio e saudar.
Antes de que cheguedes, adiantámosvos que nestes case xa tres meses xa fixemos algunha cousiña, como unha cata de viños de adegas pequenas da DO de Valdeorras que estamos desexando replicar, e que temos na nosa terraza, dentro do mercado, unha expo de fotos chulérrima do colectivo Ollo Atlántico á que, se todo vai ben, seguirán outras…
Se queredes estar ao día das actividades, novidades e algunhas banalidades, seguide atentas a este batcanal, ao noso Instagram ou ao noso Facebook… Seguiremos informando!