A Parva sempre quere estar na liña da fronte. Por iso este sábado, día 28, a nosa cantina acolle a presentación do libro ‘Rock radikal vasco. El invento de la Euskadi alegre y revoltosa’, do xuntaletras coruñés emigrado a Barcelona Juan Pardo Laguna.
A publicación, que estará dispoñible para venda, é un ensaio monográfico da escena musical do País Vasco nos anos 80, e repasa a traxectoria de bandas como Kortatu, Las Vulpess, La Polla Records, Eskorbuto ou Barricada, e outras que sen ter a mesma proxección fóra de Euskal Herría son parte tamén da súa historia recente.
Será a partir das 13h no andar superior do mercado de San Agustín. Aínda que a entrada é de balde, por isto da Covid é preciso inscribirse, no correo electrónico mercado@aparva.gal ou no teléfono 623 333 082. Facédeo antes do venres, ás 15.30h, porfa!
Juan Pardo Laguna (1978) traballou en varios medios de comunicación locais, como El Ideal Gallego ou 20 Minutos, para despois trasladarse a vivir en Barcelona, onde segue colaborando en medios como a revista Panenka ou a web Mundo Secreter.
Estará acompañado de Maritxu Alonso, coordinadora dende 2013 de Uterzine e autora de ‘Mujeres punk: las pioneras de nuestra escena’ (2019), e de Marino Pérez, politólogo e apaixoado da música ao vivo.