Quen somos
A Parva formámola Ángela e Alba, dúas xornalistas experimentadas e praceiras novatas, que desde hai anos compartimos viaxes, traballos, festas e gusto pola cultura culinaria.
E si, tivo que vir un parón inédito nas nosas rutinas (ese no que estades pensando) para decidirmos levar ao noso día a día algunha das mellores cousas que lle vemos a un mercado como o de San Agustín: o apego ao que temos ao redor, ao barrio, ás persoas que o habitan e as súas relacións, aos seus espazos e as súas dinámicas.
Unha praza de abastos significa, por riba de todo, alimentación. Pero non calquera alimentación: é produto fresco e de calidade, proximidade e confianza, acadadas coa experiencia de moitas décadas dunha historia da que queremos aprender e á que queremos sumármonos.
Así é como imaxinamos a nosa cantina: un recanto moi ligado ao mercado e aos seus produtos, e tamén a quen os produce, a quen os dispensa e a quen os recibe. Esa proximidade é, para nós, un compromiso co que significa este edificio para súa contorna e tamén cun consumo responsable e sustentable, cunhas formas de facer que non queremos que se perdan. Todo o contrario.
Por iso, para poñer isto en marcha, formamos entre as dúas unha cooperativa, Malas Sementes S.Coop. Galega, e buscamos materias primas que proveñan, no posible, do propio mercado ou da produción local, para darlle forma a unha carta que non é outra cousa que o que a nós nos gustaría probar, unha e outra vez, nun descanso do traballo, cando facemos a compra con tempo ou durante unha mañá de sábado ben aproveitada. Unha proposta distinta, sá, de tempada e feita no momento co mellor do mercado e da comarca.
POR QUE SAN AGUSTÍN
Porque mola. Como é e todo o que representa. Quen non querería traballar no edificio máis chulo da Coruña? Se ademais pensamos que, case noventa anos despois da súa construción, segue a representar a modernidade na que foi concibido e, ao tempo, a esencia duns mercados tradicionais que hoxe son patriomonio case exclusivo dos seus barrios fronte á cidade das franquías e as cadeas, non nos quedou máis remedio que apostar nel.
Encántannos os mercados públicos, os mercados ateigados e cunha oferta diversa e singular. Moito máis que os centros comerciais nos que se teñen convertido algúns destes espazos para “adaptarse” ao que se supón que a xente demanda e que é o mesmo esteas na Coruña que en Dalston. San Agustín segue tendo desa clientela que leva décadas mercando aquí a diario e queremos que así siga sendo, e que xente nova poida coñecelo e engancharse a el, como nos pasou a nós.
Por certo, se queredes visitarnos, esta é unha das rutas que podedes facer. Non ten perda!
POR QUE A PARVA
Porque así é como se lle chama en moitas zonas a esa comida lixeira que se fai antes do mediodía e que aínda hoxe pode consistir, segundo en que sectores, nun anaco de pan e unha copa de augardente.
Sen ter que ser tan literais, na Parva temos bocatas e outras moitas opcións para aguantar a mañá: veganas, vexetarianas ou omnívoras, para comer canda nós ou para levar. E quen queira caña, só ten que pedila!