A nosa cantina do mercado de San Agustín acolle este sábado, 19 de febreiro, ás 13 horas, a presentación das actividades para os vindeiros meses de Refuxios da Memoria, unha organización cívica centrada na investigación e vindicación da memoria do movemento obreiro libertario coruñés da primeira metade do século XX, con especial atención a aquel localizado no barrio das Atochas-Monte Alto.
Refuxios da Memoria é quen organiza, entre outras accións, o Día das Mapoulas Libertarias, que cada 10 de xullo reivindica as mulleres do barrio das Atochas que en xullo de 1937 morreron asasinadas nunha serie de asaltos ás súas vivendas impulsados polas autoridades franquistas, como represalia por dar acubillo e facer parte nas redes de resistencia antifascista que loitaban contra o réxime.
Ademais desta efeméride, a organización cívica traballa na organización de roteiros memorísticos pola cidade e outras accións de rúa para este ano e vén de editar a Axenda Libertaria 2022, primeiro título da nova editorial Bastiana.
Se queres coñecer máis polo miúdo o traballo desta xente e flipar cos datos e as ilustracións da axenda, achégate este sábado á nosa terraza interior.