Que vos contamos / Artigos

Son praceira, e ti?

Publicado o .

Son praceira porque escollín San Agustín para facer a compra do día e da semana.

Son praceira porque neste mercado traballou a miña nai e a súa nai e aquí é onde traballo. Porque aquí montei o meu proxecto laboral. Porque aquí teño o meu posto.

Son praceira porque non quero que a praza esmoreza e non quero cambiala por un centro comercial.

Son praceira porque cada día, puntualmente, deixo a mercancía, ben cedo, para que o mercado funcione. 

Son praceira porque aquí é onde visito á familia os sábados á mañá, cando non hai clase, cos meus irmáns e onde falo un rato coas miñas amigas tomando un café.

Son praceira porque atraveso o seu corredor principal e levanto a vista á súa vidreira cada día de volta á casa. 

Son praceira porque quero.

‘Son praceira’ é a nosa humilde e novata achega ao festival de fotografía FFOCO, que xa vai pola súa quinta edición. Iso significa que xa son cinco anos de vida dun proxecto valente, que nace na Coruña e que mira ao que lle é próximo, pero tamén a quen son referentes, e que non olvida que as miradas son diversas, como diversa é a creación fotográfica que recolle e impulsa.

Que facemos nós aquí? Pouca cousa. Na Parva poñemos os muros da nosa terraza para convertelos en espazo expositivo por unhas semanas, e as ganas de contribuír naquelas iniciativas que nos emocionan. E esta, faino. Así que o noso papel non é máis que o de facer de ponte entre o FFOCO,  a xente que traballa en San Agustín e a fotógrafa V. Casteleiro, que materializa esta ocorrencia de miradas cruzadas arredor do noso mercado. 

Praceiras, persoal e clientela posaron para ela e foron, ao tempo, fotógrafas na súa propia praza. “Son praceira” é o resultado deste xogo de olladas que, agardamos, vos guste tanto como a nós nos prestou argallar.

Grazas a todas as que vos prestastes!

Grazas, Caste, e grazas, FFOCO. 

E o resto, vinde a vela ata o 12 de decembro, que ben o merece!