Que vos contamos / Artigos

Temos leiras (leiras)!

Publicado o .

Ás veces, parece que todo encaixa como un gran crebacabezas cósmico… ou como algo un pouco máis modesto, pero encaixa.  Hai poucos días, un dos nosos habituais no mercado comentábanos, ao fío dun experimento con galletas de aproveitamento no que andamos enredadas, que xa só nos faltaba cultivar os nosos propios alimentos. “Pois non tanto, pero case”, retrucámoslle, erguendo orgullosas os narices e as cabezas.

Menuda puntería, Iván. Nin 24 horas antes visitáramos o que se vai converter no Leiriño da Parva.

O que? O leiriño da Parva é un dos hortos, ou, mellor dito, dos “bancais agroecolóxicos modulares” que compoñen o proxecto Leiriños de Os  Biosbardos, unha xente interesantérrima que coñecimos aquí en San Agustín cando participaba no mercado Nativa dos xoves, ao que sempre viña con algún vexetal novo e escintilante: un día cucamelón, un día tomatillo verde, un día berenxena branca, ou laranxa sanguina, ou folla de shiso vermello ou chiles de todas as cores. 

Desde entón non quixemos perderlles a pista e fomos decatándonos de que, ademais de descubrirnos herbas, froitas e hortalizas, esta iniciativa de agricultura ecolóxica baseada nos principios da permacultura –xa sabedes, aqueles que seguen as características dos ecosistemas naturais buscando a sostibilidade, o coidado da terra e o das persoas– tiña moito, moito máis que aprendernos. “Cultura de leira”, que lle din. 

Así que este luns pechamos o noso chiringo e plantámonos en Lendoiro, Cambre, para coñecer de primeira man o que fan nas súas cinco hectáreas de cultivos e, máis en concreto, o que farán nos sete metros cadrados que nos próximos meses darán, con sorte, a primeira colleita da Parva. 

Pero entón, non nos imos botar ao monte? Aínda non, polo menos non literalmente. De momento imos deixar que a xente de Os Biosbardos consiga sacar do noso bancal apio, espinacas, cebolas, aromáticas e algunha ocorrencia máis para que nós poidamos ofrecervos aquí, na nosa cantina, novas receitas de proximidade da de verdade (15 Km, non máis)

Con todo, despois de coñecer ao burro Telmo, que nos miraba durante a visita con cara de “e estas, a que andan?”, temos o reto de ir mimar as nosas plantiñas de cando en vez, para que non se esquezan de nós. 

Xa sabedes, como din os Boyanka Kostova, desde agora we’ve got a lotta’ leiras.