Que vos contamos / Artigos

Da ultratumba cara á luz

Publicado o .

Unha banda de mulleres que facían punk escuro no Vigo dos ’80. Elas foron Voces de Ultratumba, unha rareza que tivo que lidiar cos convencionalismos e o androcentrismo imperantes, tamén no underground da época.

Pasadas tres décadas, a investigadora feminista Maritxu Alonso recupera a historia e o legado da formación cun fotolibro de edición limitada onde perfila e dá recoñecemento á figura da súa vocalista, Chus Taboada. A expo deste proxectazo pode verse ata finais deste mes na nosa terraza do mercado de San Agustín.

Da traxectoria de Voces de Ultratumba (posteriormente, La Traición) xa escribiron estes días Daniel Salgado e Javier Becerra. En canto a Alonso, coordinadora do espazo de activismo e autoedición feminista Uterzine, divulgadora e impulsora de proxectos como ‘Mujeres punk: las pioneras de nuestra escena’ (2019) ou ‘No más punkis muertas’ (2021), para nós está a ser unha das imprescindibles, que fan do noso mercado un deses sitios onde pasan cousas.

A Chus Taboada tivemos a sorte de escoitala o pasado 29 de xaneiro, na presentación da expo. Tanto se viñestes como se non, tedes a oportunidade de coñecer un pouco do seu universo no percorrido visual que estes días, e ata finais de mes, pendura dos muros da nosa terraza e fai dela un pouco escenario, un pouco fanzine, un pouco cemiterio.